5/22/2009

ALBERGUE XA É !!!!


Colectivos sociais abrazan de novo ´A Gota de Leite´ - A Rede Social Galicia-Sur congregou onte a ducias de persoas que pediron unha vez máis a apertura urxente do edificio da Gota de Leite como albergue municipal. Trala sentada do mércores e despois de durmir as portas do edificio en solidariedade coas persoas sen teito os manifestantes volveron a formar unha cadea humana ao redor do inmoble.

A ANTIGA ESCOLA DE HOSTELERÍA NON É UNHA OPCIÓN

A oferta lanzada polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, de ubicar o albergue na antiga escola de hostelería de O Berbés non é unha opción acaída pois este edificio non reúne as condicións necesarias para prestar un servizo digno e de calidade ás persoas sen teito. Ademáis, esta proposta non ten sentido cando o edificio da Gota de Leite xa está acondicionado para a prestación deste servizo e cando á súa apertura non é máis que unha cuestión de vontade política por parte da Xunta.

Actualmente na escola de hostelería ten a súa sede a asociación veciñal do Casco Vello así como unhas oficinas destinadas ao fomento de emprego. Tal e como sinala o presidente desta asociación, Henrique Macías, o edificio presenta problemas de accesibilidade que obrigarían a súa reforma completa. Esta medida suporía un auténtico despilfarro de diñeiro público por parte da administración autonómica, a cal xa destinou para a Gota de Leite 222.633,94 euros na reforma do semisoto para a creación dun comedor social e un centro de atención continuada.

Por último, cómpre sinalar que a lexítima e comprensíbel reivindicación por parte da policía local de posuír unhas dependencias dignas non debe facerse a costa dos máis desfavorecidos.

5/21/2009

CADEA HUMANA




Se a vosa entidade, organización ou
asociación desexa sumarse aos actos e apoialos públicamente remitide un correo
electrónico a redesocialgaliciasur@yahoo.es

5/20/2009

MOBILIZACIÓN!!!!


A Rede Social Galiza-Sur convoca para este Xoves 21 ás 20:00 horas.
Unha cadea humana en torno ao edificio da “Gota de Leite” a que convidan a sumarse ao conxunto da cidadanía viguesa coa finalidade de que se proceda a apertura inmediata do albergue no citado inmoble. Participa!

Declaración de intencións

Este blog nace coa finalidade de recoller todas as opinións, noticias e convocatorias de mobilización a favor da apertura en Vigo dun centro de emerxencia social que inclúa un albergue destinado a atender as necesidades das persoas que estean a sufrir unha situación de exclusión social. Así mesmo, consideramos que a reivindicación por parte da Rede Social Galiza-Sur de que dito albergue se sitúe no edificio coñecido como a “Gota de Leite”, tal e como estaba previsto por parte da anterior Xunta, é unha reivindicación xusta e acaída.

Neste sentido, é de lamentar que a Xunta actual non sexa quen de tomar unha decisión ao respecto, nen de pór alternativas en riba da mesa que axuden a solventar un problema que afecta aos máis desfavorecidos da nosa cidade, polo que é obrigado denunciar públicamente a pasividade irresponsábel coa que está a actuar neste tema.

5/19/2009

O albergue, pendente da vontade política da Xunta

A reivindicación de que Vigo conte cun albergue que acolla ás persoas en situación de exclusión social é vella. Conseguir que a xente sen teito teña unhas instalacións dignas, que conten cos todos os servizos que precisan, era un soño longamente agardado que comenzou a facerse realidade cando o BNG tivo responsabilidades de goberno na Xunta. Tras máis dun atranco, finalmente decidiu que Vigo ía ser a primeira cidade de Galiza que ía dispoñer dun Centro Público Integral de Inclusión Social e elixiu o edificio de A Gota de Leite para ubicalo. A finais do ano pasado iniciáronse unhas obras de reforma do inmoble, que hoxe xa están rematadas.

A estas alturas deberiamos estar falando de cando ía vir o novo presidente da Xunta de Galiza a inaugurar unhas instalacións que, por fin, ían dar resposta aos centos de persoas que na nosa cidade viven na rúa. Lamentablemente a realidade é ben distinta. Nada sabemos de cando se vai a abrir o centro, pero o que aínda é máis grave é que descoñecemos o que os actuais responsabeis autonómicos teñen previsto facer con esa instalación.

Desde a Concellería de Benestar Social somos moi conscientes da situación na que viven na nosa cidade ás persoas en situación de exclusión social. Traballamos con elas todos os días e tamén coas organizacións que os apoian. O noso compromiso con eles é absoluto e o noso labor é o mellor exemplo delo. Nós non nos quedamos nas boas palabras. Nós actuamos e, por iso, por primeira vez nesta cidade abriuse un dispositivo de frío para que as persoas que viven na rúa tiveran este inverno un lugar no que poder durmir. Ese centro de emerxencia mantívose aberto dous meses máis do previsto, agardando que a Xunta rematara ás obras de A Gota de Leite. Pero parece que para os novos responsabeis do Goberno autonómico esta non é unha prioridade na súa axenda. Matéñense á marxe, escudándose en falsas desculpas, mentras os sen teito seguen na rúa e hai unhas instalacións preparadas para acollelos.

Diante desta situación a Xunta de Galiza non pode seguir mirando para outro lado. A responsabilidade do albergue é nestes momentos somentes súa. Non deberiamos ter que lembrar a estas alturas que o edificio de A Gota de Leite é da súa propiedade é decidir que utilidade lle dá é competencia súa. Non valen xa ás falsas escusas para non tomar posición. A decisión da apertura do albergue é cuestión de vontade política do Partido Popular. É a Xunta quen ten que amosar agora que esa sensibilidade a respecto das persoas menos favorecidas, da que fan gala algúns e algunhas dos seus máis senlleiros representantes, non é só unha pose para a galería. O compromiso do PP coas persoas en situación de exclusión social tense que demostrar agora, asumindo a súa responsabilidade é dicindo alto e claro que é o que quere facer co edificio de A Gota de Leite.

Nós o temos claro. A nosa postura é hoxe a que mantivemos sempre. Ese é o lugar axeitado para que Vigo dispoña dunha infraestrutura longamente demanda para dar ás persoas máis desfavorecidas a atención que precisan. É unha reivindicación de xustiza social.

María Méndez Piñeiro
Concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo

5/15/2009

Defendamos o albergue de Vigo

Para o BNG é moi necesario facer fronte ao actual contexto de crise económica, o que provoca que cada vez nos atopemos con maiores índices de vulnerabilidade, perda de autonomía persoal e aumento das situacións de exclusión social.

Na nosa cidade son máis de 300 persoas as que diariamente dormen na rúa. Por outro lado, son moitas máis persoas as que acoden aos comedores sociais existentes en Vigo e a outros dispositivos de apoio municipais.

Co fin de facer fronte a estas situacións de pobreza extrema, a Xunta de Galiza comprometeu na pasada lexislatura a creación en Vigo do primeiro Centro de Público Integral de Inclusión Social de Galiza no edificio coñecido como a “Gota de Leite” e que é de titularidade autonómica. Dito centro cumpriría as funcións de atención profesional a todas as persoas e familias que sufran unha falla de recursos económicos severa ou calquera outro factor de exclusión social ( privación de vivenda, déficits educativos, enfermidade etc.) Esta instalación ofertaría servizos de centro de día, albergue e comedor social entre outros.

Por todo isto, o BNG insta á actual Xunta do Partido Popular a que tome xa unha decisión en firme sobre a ubicación do citado centro, entendendo que o edificio da “Gota de Leite” é o único que cumpre con todos os requisitos esixibles. Así mesmo, o BNG quere amosar o seu máis firme apoio aos diversos colectivos sociais da nosa cidade que se están a mobilizar demandando a súa inmediata apertura. Neste sentido, o BNG súmase á convocatoria dunha cadea humana en torno ao edificio da “Gota de Leite” (Rúa Ronda Don Bosco, a carón do Concello) e anima á participación de todas e todos neste xesto solidario.

Participa na cadea humana
xoves 21 ás 8 da tarde